Monday 29 de April de 2024

Laxe celebra o Día do Libro coa presentación de ‘Las cuevas de Sóliman’, inspirado en lugares do municipio


• Será este sábado, 20 de abril, ás 18:00 horas, no Museo do Mar

O Concello de Laxe celebra o Día de Libro, conmemorado o 23 de abril, coa presentación do libro ‘Las cuevas de Sóliman’, de Juan José Abalde García.

Será este sábado, 20 de abril, a partir das 18:00 horas, no Museo do Mar de Laxe. Á cita non faltará o autor, que dará a coñecer algunha das características desta peza que conta a historia de catro adolescentes que ven alteradas as súas vacacións de verán ao verse inmersos nunha investigación policial.

Sóliman é o escenario desta historia, que transcorre en espazos inspirados no municipio laxense, co que o autor, orixinario de Ponteareas, estivo en contacto en diferentes ocasións.

Segundo el mesmo asegura, a beleza e riqueza cultural de Laxe foron elementos inspiradores á hora de escribir esta novela, na que dúas historias transcorren ao mesmo tempo, mesturándose o pasado e o presente.

A concelleira de Cultura, Raquel Lema, subliña a “importancia de celebrar unha data tan especial como é o Día do Libro, que nos serve para promover a cultura entre toda a veciñanza á vez que incentivamos o hábito de lectura, sobre todo entre a xente máis nova”.

Segundo indicou Lema, “é un auténtico placer contar co autor para esta presentación, que seguro que respostará a moitas das inquedanzas das persoas amantes da lectura que se acheguen o vindeiro sábado ata o Museo”.